O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, participou hoxe na entrega de diplomas da Rede Galega de Praias sen Fume na categoría ouro, celebrada na praia fluvial de Begonte. Caamaño subliñou que Galicia concentra un de cada catro areais libres de fume do país.
O titular da carteira sanitaria anunciou que o seu departamento xa iniciou, xunto á Federación Galega de Municipios e Provinciais (Fegamp), os traballos para elaborar unha normativa común que axude aos concellos a regular as sancións, seguindo o modelo de cidades como Barcelona ou San Sebastián. O obxectivo é dar máis forza e seguridade xurídica ao proxecto.
Gómez Caamaño tamén fixo referencia á Lei de protección da saúde dos menores e de prevención de condutas adictivas, unha norma pioneira que sitúa a Galicia á vangarda de Europa na protección da saúde dos menores e que incide na prevención do tabaquismo, incluíndo a prohibición da venda de cigarros electrónicos a menores.
A iniciativa, que comezou hai dez anos, pasou de 19 concellos precursores en 2016 a 85 municipios na actualidade, sumando un total de 249 areais e portos sen fume. Destacou a participación desde 2018 de 39 praias fluviais como a de Begonte.
Recoñecéronse 49 concellos na categoría de ouro por declarar o 100 % dos seus areais libres de fume: 18 na Coruña, 10 en Lugo, 8 en Ourense e 13 en Pontevedra. O conselleiro agradeceu o traballo dos concellos, alcaldes e equipos implicados, así como á Dirección Xeral de Saúde Pública.
Os obxectivos fundamentais do programa son protexer a saúde dos non fumadores, coidar o patrimonio natural e desnormalizar o consumo de tabaco e vapeadores. Galicia tamén é pioneira noutras redes sen tabaco, como a de portos e parques sen fume.




