O certame, que chega á súa décimo terceira edición, ten aberto o prazo de inscrición para a presentación de traballos ata o vindeiro 13 de xullo ás 23:59 horas. Cada participante poderá presentar unha única obra, realizada despois do 1 de xaneiro de 2021, cunha duración de entre tres e 30 minutos, incluídos os créditos.
As pezas poderán ser de calquera xénero, sempre que a temática sexa musical ou que a música xogue un papel relevante na trama. As obras deberán presentarse a través das plataformas dixitais habilitadas ou por correo postal certificado nun dispositivo de memoria USB, xunto coa sinopse, ficha técnica e artística, imaxes, cartel e os datos do autor.
O concurso conta con dúas categorías: autoría galega e autoría non galega. En cada unha delas, concederanse dous premios. O Premio Deleite, dotado con 400 euros e un trofeo de artesanía local, será decidido por un xurado profesional do sector audiovisual. Ademais, outorgarase o Premio do Público, con 100 euros e trofeo, elixido polos asistentes ao festival tras a proxección das obras finalistas.
Ademais do concurso, o festival incluirá outras actividades como "concertos, encontros, conversas, petiscos e moita boa onda, coa música como fío condutor", segundo sinalan dende a organización.




