Este programa, que combina formación teórica e práctica profesional, ten como obxectivo principal mellorar a inserción laboral dos participantes. O taller, especializado no ámbito forestal, concentrará o seu plan de obra integramente no ámbito rural do municipio.
A formación e as prácticas comezarán o vindeiro 1 de xuño e terán unha duración de nove meses. Durante este período, levaranse a cabo un total de 24 intervencións en 19 parroquias, respondendo a peticións veciñais.
Entre as actuacións previstas atópanse a conservación, poda e plantación de carballos, así como a creación dun sendeiro de zahorra na Carballeira da Sagrada, en Codeseda. Nesta mesma localidade, o colexio contará cun peche para impedir a entrada de fauna e dotarase dun horto. Tamén se retirarán árbores que ameazan o tellado do centro de saúde de Codeseda.
Ademais, en Loimil, arrincaranse as tuias do campo da festa e árbores voluminosas que penden sobre A Burga. Outras intervencións inclúen o acondicionamento do lavadoiro da praza de Godoi en Vinseiro, o mantemento da zona verde na vella escola de Cora, e o desbroce do entorno de Fonte do Castro (Ancorados) e a área de Trasmonte (Barbude).
Tamén se eliminarán especies invasoras no entorno do campo de fútbol de Moreira, nos campos da festa de Lagartóns, Couso, Santeles, Foxo e Paradela, e no patio da escola de Toedo. Finalmente, desbrozaranse a Carballeira da Ascensión de Arca e a Carballeira Municipal da Estrada, e instalaranse bancos no campo da festa de Santeles.




