Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Estrada prepárase para estampar un selo solidario ao momento no que se prenden as luces de Nadal. O goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono aposta por aproveitar o acendido do alumeado, que vestirá de cor as rúas da capital estradense durante estas festas, para facer un chamamento á empatía e á contribución con diversas causas, avogando por que tanto o acto en si como os fins solidarios teñan aos máis pequenos da casa como protagonistas. Desta volta o Nadal comezará a brillar na Estrada o venres 27 de novembro e serán familias coas que colabora a Fundación Andrea as encargadas de premer o botón para que toda a vila quede iluminada.
A Fundación Andrea, unida á memoria de Andrea e ao espírito de superación e exemplo de loita que ela deixou, ten como finalidade a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza ás familias que, contando con escasos recursos económicos, teñan que coidar dos seus fillos durante as enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais que estes poidan padecer. O xeito de canalizar a colaboración explicarase nos vindeiros días, e haberá tamén unha fila cero.
O lugar dende o que se realizará o acendido repartirá o interese entre a Praza da Constitución e a Praza de Galicia, onde se instalará a maior árbore de luces da historia do Nadal estradense, con 22 metros de altura. A Praza da Constitución estreará unha ornamentación máis tradicional, inspirada en grilandas, elementos vexetais e adornos en tons vermellos e dourados, integrada na arquitectura do consistorio e do palco da música, unidas por un Bosque de Nadal coa casa de Papá Noel.
Antes do acendido, dende as 18.00 horas, Troula Animación encherá de ambiente as rúas con pasacalles co seu espectáculo “O estraño caso do dentista da Rúa Brasov”. Tamén chegará o Circo no Camiño durante a fin de semana do 28 e 29 de novembro. Pola súa banda, a International Ballet Company ofrecerá “El lago de los cines” no Teatro Principal.
O Concello da Estrada animará a todo o alumnado dos centros educativos a sumarse ao acendido, desexando que compartan o cariz solidario da chegada destas festas. Este Nadal A Estrada contará con 13.000 metros cadrados de superficie iluminada, 119 arcos e 262 elementos de luz, conformando a estampa festiva nas rúas estradenses.




