O desfile, que partiu da estación de tren, animou a principal arteria da localidade coa banda The Dixie Blinders, vehículos de época do club Clásic@s Sarria e un grupo de nenos e nenas danzando. A comitiva tamén contou coa presenza dos xigantes e cabezudos Pampónigas, que representan personaxes da historia local como o chocolatero Matías López, o grumete Pedro de Manán e o investigador Xaime Félix López Arias.
A xornada principal do festival celebrouse no Campo do Río cun concerto gratuíto de Andrea&The Black Cats, descrita como "unha das máis recoñecidas bandas galegas" de blues, e Dorrey Lyles&Marcos Coll Band. A organización, a cargo do Concello de Sarria e coordinada por Manuel López Poy, destacou a "magnífica" acollida do evento e a calidade das actuacións, así como a resposta da hostalería local cos Street Blues.
O festival, que conta coa colaboración da Xunta a través do Xacobeo 2027 e da Deputación de Lugo, tamén animou os comercios a decorar os seus escaparates con motivos alusivos ao blues, unha iniciativa que se busca "potenciar" en futuras edicións. Os concertos comezaron o xoves e pecharanse este domingo coa festa-jam na Rúa da Música.




