O inicio das festas de San Xoán en Sarria estivo marcado polo pregón do astrofísico e divulgador científico Borja Tosar, quen destacou os aspectos astronómicos da celebración. A pesar das altas temperaturas, numerosas persoas achegáronse á praza do consistorio para escoitar o seu discurso.
Tosar cualificou a festa como "puramente astronómica", explicando que coincide co cambio de ciclo, cando os días comezan a minguar e as noites a medrar. Para os antepasados, sinalou, era "superimportante" encender grandes fogueiras para "facer un pequeno sol na terra e infundirlle forzas" ao astro, celebrando así "a maior festa da astronomía, a festa do solsticio de verán".
“"É o máis espectacular que se pode ver en todo o sistema solar"
O sarrián tamén aproveitou a súa intervención, que contou cunha intérprete de lingua de signos, para facer referencia ao eclipse total de sol que se vivirá o vindeiro 12 de agosto, animando os veciños a gozar deste fenómeno. Dende o balcón do consistorio, onde tamén interviron o alcalde, Claudio Garrido, e a concelleira de Festas, Geni Valcárcel, Tosar describiu o eclipse como "o máis espectacular que se pode ver en todo o sistema solar".
As festas tamén serviron para presentar un novo membro das Pampónigas, a familia de xigantes e cabezudos da localidade. A figura, elaborada pola asociación cultural Crearte, está dedicada ao investigador Xaime Félix López Arias, coñecido como Arlindo, membro do Seminario de Estudos Sarriaos e coñecedor da historia local.
Tras o desfile das Pampónigas pola Rúa Maior, acompañadas polos Dimonis de La Plana, a música tomou o protagonismo coas actuacións da Coral Polifónica do Concello, a Banda de Sarria e as asociacións culturais Meigas e Trasgos e Peleriños.
A xornada continuou no campo da feira coa Noite do Lume, que incluíu unha degustación de 280 quilos de panceta e 130 de chourizo, ademais de pan e viño, preparados por uns 20 veciños. Tamén se ofreceu unha queimada con 300 litros de augardente. A música correu a cargo do grupo Eoas, e estaba previsto un correfoc e o encendido da hoguera, mentres que no campo de rugby actuou Costa Dorada.
O programa deste mércores, día grande das patronais, inclúe un pasacalles da Banda de Música ás 11.00 horas, unha misa cantada pola Coral Polifónica do Concello na igrexa de San Salvador ás 12.00 horas seguida de procesión. Pola tarde, haberá un pasacalles de Peleriños e Tambukda ás 18.30 horas, un concerto da Banda de Música na Praza da Vila ás 19.30 horas, e a festa e verbena comezarán ás 22.00 horas no campo de rugby coas orquestras Los Satélites e París de Noia.




