O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas, no Salón de Plenos.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, acudiu esta mañá a unha nova convocatoria da Comisión de Seguimento do convenio de transporte público con orixe ou destino a Os Tilos. Alí salientou a disposición do seu Concello a asumir o custo total da liña 12, que conecta Os Tilos cos hospitais de Santiago, en beneficio da veciñanza.
Na xuntanza analizouse o estudo económico presentado polo Concello de Santiago de Compostela sobre os custos das liñas 6 e 12. A rexedora teense manifestou que, aínda que non se opón a cambios na liña 6, esixe o mantemento da liña 12, xa que é moi utilizada polos veciños de Teo para desprazarse á capital e, en particular, aos hospitais Provincial e Clínico.
Agora, o Concello de Santiago deberá decidir se acepta esta proposta de Teo e comunicalo á Xunta de Galicia e ao municipio teense. No caso de non ser favorable, o Goberno de Teo forzará o cumprimento do convenio, vixente ata setembro de 2028.




