A tradicional Feira do San Martiño de Teo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia o pasado ano, regresará á súa localización orixinaria na Carballeira de Francos os días 8, 10 e 11 de novembro. A celebración mantén así a súa historia de máis de 500 anos.
Como novidades desta edición, o pregón do martes 10 de novembro correrá a cargo do grupo de música tradicional da asociación cultural Rosalía de Castro de Cacheiras, buscando dar protagonismo ás distintas asociacións da localidade. Tras o pregón, a cantante Pili Pampín ofrecerá un concerto gratuíto na carpa institucional. A xornada continuará coas foliadas nas polbeiras amenizadas pola charanga A Ponte Vella.
O mércores, 11 de novembro, día grande do San Martiño, abrirá ás 6 da mañá a trata de gando cabalar e permitirase a chegada de cabaleiros a cabalo. A partir das 9.00 horas, estarán operativos o mercado tradicional, a zona de polbeiras e a feira de artesanía, xunto cunha exposición de Artesanía Alimentaria feita en Teo.
Ao longo da mañá, haberá experiencias de calidade agroalimentaria, como un túnel de viños da Ribeira do Ulla, cociña en vivo con produtos de tempada e unha cata de queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida. Para participar nestas actividades, será necesaria a inscrición previa na páxina web municipal.
A música tradicional do grupo da AC Rosalía de Castro de Cacheiras, pregoeiros desta edición, e a actuación de “O Cego na feira” amenizarán a xornada na carballeira.
A Feiriña do San Martiño, pensada para os máis pequenos, terá lugar o domingo, 8 de novembro. Incluirá obradoiros de chaveiros e galletas, unha xincana familiar, unha ruta guiada polo Colectivo A Rula, bautismo e carrusel hípico. A xornada rematará co teatro musical A Feira das Linguas.




