A ferramenta, que utiliza intelixencia artificial para facilitar o acceso á información institucional mediante chatbots, recibiu a distinción ‘Spotlight’ na categoría Clarity in Action. Esta categoría recoñece iniciativas capaces de transformar información complexa en contidos claros e accesibles para a cidadanía.
O Atlas of Innovation in Public Communication, unha iniciativa do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), busca identificar prácticas innovadoras de comunicación pública a nivel mundial. Recibiu 173 candidaturas de 50 países, das que seleccionou 102 experiencias. Só 20 delas obtiveron a distinción ‘Spotlight’ polas súas altas valoracións en innovación, relevancia, impacto e potencial de replicación.
VALUEbot, desenvolvido desde 2024 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, facilita o acceso á información institucional a través de interfaces conversacionais. A súa arquitectura modular permite integrar diferentes modelos de intelixencia artificial, favorecendo a independencia tecnolóxica e a privacidade.
O Atlas destaca o emprego dunha intelixencia artificial ética, modelos locais e tecnoloxías de código aberto para facer a comunicación pública máis accesible, transparente e fiable.
O proxecto, dirixido por Miguel Túñez López e coa coordinación de Isaac Maroto González, foi financiado polo MCIN/AEI e pola Unión Europea a través de NextGenerationEU/PRTR.
A ferramenta foi validada coa participación de 17 profesionais de medios públicos europeos como CRTVG, CMMTV, Canal Sur, Yle e NPO, ademais dun grupo focal na Universidade de Tampere. Tamén se utilizou para difundir o informe da Cátedra CIRCOM da Universidade de Vigo.
Froito desta evolución, a USC e a Universidade de Vigo asinaron un acordo de colaboración para promover o uso de VALUEbot con fins didácticos e divulgativos, ampliando as súas aplicacións académicas e de coñecemento.




