O encontro institucional Cooperación triangular: experiencias, aprendizaxes e oportunidades de futuro, celebrado en novembro na Cidade de Panamá, reuniu representantes de España, Panamá, Cuba e Perú. A apertura contou coa participación de Miriam Vásquez de Ortega, directora xeral do Instituto de Innovación Agropecuaria de Panamá (IDIAP); Moisés Morera Martín, embaixador de España en Panamá; e Carlos Guevara Mann, viceministro de Asuntos Multilaterais e Cooperación de Panamá. Tamén interveu Nuria Carrero Riolobos, representante da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
En representación da USC, o profesor Agustín Merino presentou o relatorio introdutorio Conservar os ecosistemas, mellorar os medios de vida, centrado na relación entre coñecemento científico, xestión sustentable dos recursos naturais e desenvolvemento das comunidades. Participou tamén no panel sobre cooperación triangular e toma de decisións baseadas na ciencia.
A conservación dos recursos naturais non se formula de maneira illada, senón como unha condición para mellorar a produción, a seguridade alimentaria e o benestar da poboación.
Os dous proxectos principais son Fortalecemento de capacidades I+P+P para restaurar solos degradados na rexión oeste do Canal de Panamá, que busca mellorar a seguridade alimentaria mediante a recuperación de solos, e Desenvolvemento sustentable das comunidades costeiras a través da apicultura climaticamente intelixente en ecosistemas de mangle, que vincula a conservación dos ecosistemas costeiros coa xeración de oportunidades económicas.
Unha característica relevante destas iniciativas é a súa vinculación directa coa formación de persoal investigador. Os dous proxectos están liderados por doutorandos do programa DIAMD e constitúen o marco de traballo das súas teses. Actualmente, seis teses de doutoramento vinculadas ao programa desenvolvense en Panamá, en colaboración con investigadores e centros nacionais.
No caso do proxecto de apicultura e mangleiros, a colaboración tivo unha dimensión formativa en Galicia. En setembro de 2026, a USC organizou no campus de Lugo un obradoiro internacional de reforzo de capacidades, coa participación dunha delegación científica de Panamá e Perú. As actividades incluíron sesións sobre calidade e caracterización de meles, innovación apícola, análise sensorial e sanidade das colmeas.
Paralelamente, Agustín Merino mantivo reunións institucionais coa Secretaría Nacional de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SENACYT) e co IDIAP. A USC tamén participa no proxecto Deseño e implementación dun proxecto piloto con enfoque de produción sustentable na conca do Río Indio, na comunidade de Teriá, no marco do programa EUROCLIMA.




