O acordo foi asinado este mércores en San Xerome pola reitora da USC, Rosa Crujeiras, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. O convenio establece as bases para o desenvolvemento conxunto de actividades formativas, divulgadoras e investigadoras en materias de competencia de ambas as institucións, co obxectivo de beneficiar á cidadanía e á sociedade galega.
Entre as actividades previstas inclúense a realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación. Tamén se prevé a edición conxunta de libros e outras publicacións, así como a promoción da actividade investigadora mediante proxectos e actividades de transferencia conxuntos.
Para o seguimento deste acordo constituirase unha comisión de seguimento. Por parte da USC, participarán nesta comisión o director do IDEGA, Rubén C. Lois González, e o investigador Diego Sande Veiga.




