Este novo tramo, de 3,5 quilómetros, conectará coas autoestradas AP-9 e a N-VI, converténdose nun eixo estratéxico para a mellora das comunicacións na área metropolitana da Coruña. O obxectivo é "garantir unha solución viable, segura e respectuosa co medio", segundo destacou a conselleira.
Os técnicos da Xunta están a analizar o proxecto de trazado para poder sometelo ao trámite de información pública, onde se poderán presentar suxestións, e iniciar a tramitación ambiental. Allegue subliñou a necesidade desta obra para mellorar a mobilidade, desconxestionar o tráfico e dar servizo aos concellos de Oleiros, Sada, Bergondo, Cambre, Culleredo, Carral e Arteixo, ademais da propia cidade da Coruña.
O proxecto mantén o trazado que conecta coa AP-9 na zona das Gándaras, descartando a alternativa de Catro Camiños polo seu elevado impacto. Allegue lembrou que esta opción xa superara a tramitación ambiental no seu momento, aínda que o proceso se reiniciará. Destacou que esta opción minimiza a afección e aproveita terreos xa expropiados sen solicitude de reversión.
A conselleira tamén engadiu que se aproveitarán materiais naturais procedentes da escavación das obras do novo CHUAC, o que demostra o compromiso da Xunta coa eficiencia de recursos e a sostibilidade.




