A Universidade de Santiago de Compostela acolleu o pasado martes, 17 de novembro, a reunión anual do Padroado da Fundación CEER, na que participaron as reitoras e os reitores das seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: a USC, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña, xunto coas universidades do Porto, do Minho e de Trás-os-Montes e Alto Douro. O encontro serviu para renovar o compromiso das institucións na colaboración transfronteiriza.
Na xuntanza tamén estiveron presentes a directora da Fundación CEER, Inês Gusman, e a secretaria xeral, Ana Paula Marques. O Padroado, órgano principal de goberno da Fundación, é o espazo onde as universidades comparten prioridades e coordinan o seu traballo conxunto. Durante a reunión, repasouse a actividade desenvolvida pola Fundación no último ano e definíronse as liñas estratéxicas para o vindeiro 2027.
O relevo na presidencia do Padroado formalizouse coa cesión do cargo por parte da Universidade do Porto á Universidade de Santiago de Compostela, representada pola súa reitora, Rosa M. Crujeiras. A USC asume así a responsabilidade de dar continuidade ao traballo compartido polos seis centros de ensino superior.
A Fundación CEER leva máis de 20 anos actuando como ponte entre as institucións galegas e portuguesas, facilitando a colaboración universitaria e a participación en iniciativas conxuntas, nas que tamén colaboran administracións e outros organismos de Galicia e do Norte de Portugal.
No balance do último ano, destacouse o labor da Fundación na consolidación de consorcios europeos, no deseño de propostas e no fortalecemento de redes de cooperación con grupos de investigación, universidades e entidades públicas e privadas. A Fundación coordina proxectos en programas como SUDOE, Espazo Atlántico e o programa de cooperación España-Portugal (POCTEP), ademais de explorar novas vías de financiamento como a iniciativa b-solutions e Erasmus+.
De cara ao futuro, a Fundación CEER continuará facilitando a mobilidade de estudantes, docentes e persoal investigador entre as seis universidades, impulsará a formación conxunta e reforzará a presenza das institucións nos programas europeos. Tamén buscará achegar a investigación universitaria ás necesidades territoriais e dar maior visibilidade á cooperación transfronteiriza.




