O profesor Álvaro Goyanes, do departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Facultade de Farmacia e membro do Instituto de Materiais da USC (iMATUS), aparece novamente no Highly Cited Researchers 2026. Esta listaxe, elaborada anualmente polo grupo Web of Science, identifica ás persoas investigadoras que teñen unha influencia destacada no seu ámbito científico a nivel mundial.
Este ano, Clarivate destacou como ‘investigador altamente citado’ un total de 6.802 persoas de 62 países. Na área específica do profesor Goyanes (Farmacoloxía e Toxicoloxía), só figuran outras 125 persoas xunto a el.
A selección para a edición de 2026 realizouse a partir da análise de publicacións entre 2015 e 2025 indexadas na Web of Science Core Collection. O Instituto de Información Científica (ISI) de Clarivate tivo en conta as persoas que asinaron varios traballos situados entre o 1% máis citado do seu campo e ano de publicación, combinando indicadores de citación coa revisión cualitativa de especialistas e filtros para detectar autocitacións excesivas ou patróns anómalos.
Álvaro Goyanes é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e a súa actividade céntrase na impresión 3D de medicamentos con doses personalizadas. É cofundador e anterior CEO da start-up FABRX, pioneira na impresión 3D de medicamentos personalizados, e tamén de FABRX Artificial Intelligence, centrada no uso da intelixencia artificial no desenvolvemento de fármacos.
O investigador publicou arredor dun cento de artigos e é un recoñecido experto mundial neste campo, con máis de 200 comunicacións en conferencias internacionais. Foi un dos primeiros en avaliar as oportunidades da impresión 3D para fabricar formas de dosificación oral. En 2026, figura nesta listaxe coa USC como afiliación principal e o University College London como secundaria, onde é profesor honorario.




