A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral de Santiago, consolídase como un referente académico para o estudo do Camiño. A programación de 2027 inclúe tres axudas internacionais á investigación, a décimo oitava edición das Leccións Xacobeas Internacionais e cursos en liña abertos a participantes de distintos países.
O obxectivo é promover o coñecemento da historia, o patrimonio e a dimensión cultural e social das rutas xacobeas, contribuíndo á preservación dos seus valores e á mellora da experiencia peregrina, en liña cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago da Xunta.
Ademais, convocaranse premios á investigación, traballos de fin de grao e de máster, e un premio aos mellores vídeos realizados polo estudantado da USC, buscando implicar á comunidade universitaria na divulgación do patrimonio xacobeo.
A oferta formativa complétase con dous cursos en liña masivos (MOOC) sobre a topografía xacobea de Santiago de Compostela e a proxección internacional do Camiño.
Este reforzo prodúcese nun contexto de crecemento do Camiño, con máis de 531.000 peregrinos que recolleron a Compostela no que vai de ano, superando xa o total de 2025. O 61% dos peregrinos son de procedencia estranxeira.




