O obxectivo xeral do proxecto SIM4UE é potenciar as habilidades asistenciais, tanto técnicas como non técnicas, dos profesionais do ámbito sanitario a través dun Programa Integral de Simulación Clínica. Esta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea e aprobada dentro do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, busca reducir a variabilidade clínica, fortalecer os equipos de asistencia e elevar a calidade da atención sanitaria.
En liña co obxectivo específico 4.5 do POCTEP, que promove a igualdade de acceso á sanidade e o reforzo dos sistemas sanitarios, especialmente na atención primaria, o proxecto tamén fomenta a transición da asistencia institucional cara a ámbitos familiar e local. A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través da súa Facultade de Enfermaría, coordina e lidera as actividades relacionadas co Programa integral de Simulación clínica en emerxencias pediátricas e obstétricas, así como a avaliación integral, análise de impacto e difusión dos resultados da formación en simulación clínica para urxencias e emerxencias intra e extrahospitalarias.
O consorcio do proxecto inclúe a Junta de Andalucía, a Fundación Pública Andaluza Progreso y Salud, o Hospital Universitario Virgen del Rocío e a Fundación Pública Andaluza Gestión e Investigación Salud. Tamén participan o Centro Hospitalar de Trás-os-Montes e Alto Douro, E.P.E. (Portugal) e o Centro Hospitalar e Universitário de Coimbra, E.P.E. (Portugal).
A xuntanza de lanzamento tivo lugar na Consejería de Presidencia de Sanidad y Emergencias da Junta de Andalucía. Contou coa presenza de representantes institucionais da Junta de Andalucía, da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Estado e do Programa Interreg da Comisión Europea. Posteriormente, os beneficiarios e os seus equipos de traballo celebraron unha reunión de coordinación para establecer as bases da colaboración, os circuítos de comunicación, o plan de traballo e os procedementos de xestión financeira do proxecto.




