A Xunta de Galicia pon en valor o papel da Asociación Española Contra o Cancro na concienciación sobre a importancia de participar nos cribados oncolóxicos. Os Orzamentos do Goberno galego para 2027 inclúen como novidade a ampliación progresiva do cribado de cancro de mama ás mulleres de 45 a 49 anos, así como a ampliación do cancro de cérvix.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, participaron na Noite Solidaria Contra o Cancro, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Santiago de Compostela. No encontro, os representantes do Goberno galego recoñeceron o labor da asociación na difusión dos programas de detección precoz e a relevancia da participación cidadá.
Gómez Caamaño destacou a inclusión nos Orzamentos da Xunta para 2027 da ampliación pioneira do cribado de cancro de mama para mulleres de 45 a 49 anos. O programa actual, que abrange de 50 a 74 anos, rebaixará gradualmente a idade de acceso a partir do próximo ano, coa previsión de acadar a cobertura completa desde os 45 anos en 2031.
Ademais, resaltou a ampliación do cribado de cancro de cérvix para mulleres de entre 25 e 35 anos, coa particularidade de que aquelas con pauta de vacinación axeitada comezarán a participar a partir dos 30 anos.




