O titular do departamento de Ciencia da Xunta puxo en valor o traballo dos axentes científicos na comunidade autónoma e agradeceu a L’Huillier a súa visita, cualificándoa como "moi frutífera para Galicia e, agardamos tamén, para esta ilustre investigadora".
Rodríguez felicitou tamén ao profesor Jorge Mira, director do Programa ConCiencia da Universidade de Santiago de Compostela e do Consorcio de Santiago, entidade que acolle a visita da científica sueca. Destacou o éxito desta iniciativa que "cada ano trae a Santiago aos científicos máis destacados", cualificándoa como "unha oportunidade única para o crecemento da ciencia en Galicia".
Ademais do encontro co conselleiro, está previsto que a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, modere mañá unha mesa redonda coa Premio Nobel e mulleres investigadoras.




