O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe “o primeiro Plan galego de coidados paliativos pediátricos para unificar e reforzar a atención aos nenos e as familias en toda a comunidade”. Contará cun orzamento de tres millóns de euros ata 2030.
Este documento permitirá desenvolver un modelo asistencial específico para nenos, nenas e adolescentes con enfermidades crónicas complexas ou que limitan ou ameazan a vida e que precisan coidados paliativos, instaurando “protocolos de valoración e actuacións comúns en todo o territorio”. O novo modelo proposto polo Servizo Galego de Saúde busca organizar a atención paliativa pediátrica “integral, coordinada e máis humana”, segundo indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O Plan implica a consolidación da atención domiciliaria, a dixitalización do seguimento e o soporte clínico as 24 horas do día, os sete días da semana. Coordinarase con todos os niveis asistenciais, contará con hospitalización a domicilio (HADO) e o 061, e implantará un recurso de atención intermedia como conexión entre o domicilio e o hospital para nenos que non poden estar en casa nin precisan UCI.
O orzamento total de 3 millóns de euros ata 2030 concentrarase maioritariamente en persoal sanitario e recursos humanos, así como na adquisición de vehículos, tecnoloxía e ecógrafos. Prevé a incorporación de cinco pediatras e cinco profesionais de enfermaría.
O Plan, que conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos, articúlase arredor de catro liñas estratéxicas: clasificación dos pacientes, organización e coordinación de recursos, atención integral ás persoas con enfermidade avanzada e ás súas familias, e formación e soporte en atención paliativa para profesionais.
Entre as principais medidas, destaca o desenvolvemento dunha Rede galega de atención paliativa pediátrica, integrada por atención primaria, hospitalaria (con HADO), o 061 e recursos comunitarios, reforzando a atención domiciliaria e continuada as 24 horas. Crearanse “unidades de atención integral paliativa pediátrica” nos hospitais universitarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e equipos multidisciplinares especializados en todas as áreas sanitarias.
Tamén se ofrecerá atención específica ao acompañamento no final da vida, co control de síntomas, atención integral no domicilio e apoio emocional, psicolóxico e social, así como seguimento no dó. Incluirase a planificación anticipada de coidados e a identificación precoz de pacientes con necesidades paliativas. Prevese a creación do programa Coidamos Contigo para apoio temporal e respiro familiar.




