O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse cos representantes da Asociación de Directores e directivos de IES de Galicia (ADDIGA) para exporlles o novo paquete de medidas da Xunta co obxectivo de reforzar a convivencia nas aulas e protexer a autoridade do profesorado. Estas medidas inclúen sancións ante agresións por parte das familias.
A Xunta, a través da lei de acompañamento aos Orzamentos 2027, reformará a normativa de convivencia coa incorporación dun novo réxime administrativo de infraccións e sancións económicas. Estas poderán oscilar entre os 300 euros para as infraccións leves e os 15.000 euros para as moi graves. Deste xeito, búscase establecer unha vía administrativa propia de protección, prevención e reparación do dano causado, que será compatible coas posibles responsabilidades civís ou penais.
Paralelamente, poderanse adoptar medidas provisionais de protección mentres se tramita o procedemento, como a limitación temporal do acceso ao centro educativo ou da participación nas actividades escolares. Ademais, informouse da inminente posta en marcha da Oficina de apoio ao profesorado, un novo servizo que ofrecerá acompañamento, orientación e asistencia xurídica aos docentes.
O conselleiro tamén subliñou a importancia de educar ao alumnado "no valor das normas" e lembrou que a actualización da normativa de convivencia tamén mellora a resposta ás novas formas de conflitividade. No caso de condutas de maior gravidade, como o acoso e ciberacoso, establécese o cambio de centro nas ensinanzas obrigatorias ou a perda do dereito a continuar escolarizado no centro.




