Nace o Observatorio do Dereito á Información

Especialistas de entidades profesionais e académicas unen esforzos para analizar o mapa mediático español e velar polo cumprimento da normativa.

Facultade de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite

Santi Alvite

O Observatorio do Dereito á Información (ObsInfo) nace co obxectivo de analizar o mapa mediático español e velar polo cumprimento da normativa legal e os códigos deontolóxicos.

O Observatorio do Dereito á Información (ObsInfo) bota a andar impulsado por especialistas de entidades profesionais e académicas do ámbito da comunicación informativa. O seu obxectivo é analizar o mapa mediático español e velar polo cumprimento dos códigos deontolóxicos e da normativa legal que o regulan.
Dende o Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), integrante deste consorcio, sinalan que "Malia as leis europeas vixentes e os organismos encargados da autorregulación xornalística habituais nos países da nosa contorna, o Estado español segue a constituír unha excepción na observancia do dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural".
Por iso, o ObsInfo unirá os esforzos de distintos colectivos que levan anos examinando a práctica cotiá da comunicación informativa. Elaborará informes periódicos sobre o estado do Dereito á Información en España, difundirá os traballos elaborados polos seus integrantes e presentará ante as instancias correspondentes as denuncias relativas ao seu incumprimento. Todo iso coa colaboración da cidadanía, suxeito e obxecto último da existencia deste dereito fundamental.
As entidades que integran o Observatorio, ademais da USC, son Fundación Contexto y Acción; Grupo DemocMedia da Universidad de Sevilla; Democ-Com; Facultad de Ciencias Políticas y Sociología da UCM; Facultad de Ciencias de la Comunicación da URJC; Cátedra UNESCO de Investigación en Comunicación da URJC; Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC); Kazeteriak/Asociación e Colegio Vasco de Periodistas; Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; PolCom-Grup da Universidad Pompeu Fabra; e a Facultad de Ciencias de la Información da UCM. Ademais, no seu consello asesor participan os profesores da USC Margarita Ledo e Enrique Castelló.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Universidade de Santiago de Compostela (USC) — Xornal (05/11/2026)