O novo decano, Martín Pereira Fariña, asume o cargo co obxectivo de "consolidar o bo traballo realizado nos últimos tempos" e enfocarase na mellora do edificio histórico e das infraestruturas docentes. Un dos retos principais será xestionar o gas radon e analizar as titulacións de grao e mestrado para identificar áreas de mellora na coordinación e conciliación.
Pereira Fariña tamén sinalou a importancia de abordar o uso responsable da Intelixencia Artificial na docencia e investigación. Ademais, buscará "simplificar e axilizar a xestión do día a día no centro" e manter a actividade cultural da facultade, converténdoa nun "lugar de referencia para a discusión crítica e a reflexión na cidade".
O novo decano é licenciado en Filosofía (2007) e doutor pola USC (2012), cunha tese sobre un modelo computacional para a siloxística aristotélica. Foi investigador posdoutoral en Chile, Reino Unido e no Incipit-CSIC. Dende 2019, é profesor contratado doutor no Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, traballando na teoría da argumentación e a filosofía da IA, con máis de 80 publicacións científicas.
Na súa traxectoria de xestión, Martín Pereira Fariña foi secretario da Facultade de Filosofía e director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía. Completan o equipo decanal o secretario Eduardo Pérez Navarro e o vicedecano Delmiro Rocha Álvarez.




