O encontro reuniu a profesionais sanitarios de atención primaria, promotores de exercicio dos concellos e persoal da saúde comunitaria co obxectivo de analizar a situación actual do Programa de Prescrición de Exercicio Físico, valorar os resultados acadados e identificar oportunidades de mellora.
A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables, Sagrario Pérez Castellanos, agradeceu a implicación dos profesionais e sinalou a relevancia da xornada para mellorar a identificación dos pacientes que poden beneficiarse da prescrición de exercicio.
Presentouse unha síntese das enquisas de satisfacción realizadas aos profesionais, avaliando a formación, a plataforma tecnolóxica Adestra, a xestión de citas e a coordinación entre centros de saúde e entidades locais. Tamén se abordaron experiencias de éxito na captación de pacientes e estratexias de adherencia.
Nunha dinámica participativa, debatíronse catro eixes: identificación e derivación de participantes, ferramentas de apoio e rexistro (sistemas Ianus e Adestra), coordinación entre profesionais sanitarios e deportivos, e seguimento e innovación futura.
Todas as conclusións integraranse nun documento de traballo oficial que servirá de base para futuras actuacións e melloras do Programa de prescrición de exercicio físico en toda Galicia.




