A USC consolida a súa posición internacional en produción científica

A Universidade de Santiago de Compostela figura entre as institucións científicas máis destacadas de España segundo o ranking CWTS Leiden 2026.

A USC sitúase no posto 359 do mundo e 11 de España en porcentaxe de publicacións científicas asinadas por mulleres. Foto: Santi Alvite

Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) volve figurar entre as institucións científicas máis destacadas de España segundo a edición 2026 do CWTS Leiden Ranking, elaborado pola Universiteit Leiden.

A USC mellora a súa porcentaxe de publicacións entre o 10 % máis citado do seu ámbito científico, acadando o posto 8 en España na versión Traditional (baseada en Web of Science) e ascendendo tamén unha posición na versión Open (baseada en OpenAlex).
Por ámbitos científicos, na versión Traditional destacan Ciencias físicas e enxeñaría, que mantén o posto 4 de España e mellora ao 484 mundial, e Matemáticas e informática, que sobe ao posto 5 de España e ao 439 mundial. Ademais, na porcentaxe de publicacións entre o 1 % máis citado, a área de Matemáticas e informática ascende ao posto 2 do Estado e 120 mundial.
No ranking OpenAlex, a área de Ciencias sociais e humanidades destaca ao pasar do posto 12 ao 4 na porcentaxe de publicacións entre o 1% máis citado.
Outros resultados salientables inclúen a posición 359 do mundo e 11 de España no indicador de xénero, que mide a porcentaxe de publicacións científicas asinadas por mulleres. Tamén se sitúa no posto 9 de España na Traditional e no 12 na Open en porcentaxe de publicacións realizadas en colaboración con outras entidades doutros países.
O CWTS Leiden Ranking é unha clasificación internacional elaborada polo Centre for Science and Technology Studies (CWTS) da Universiteit Leiden que se centra exclusivamente na produción científica e o impacto da investigación mediante indicadores bibliométricos.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Universidade de Santiago de Compostela (USC) — Xornal (05/11/2026)