A Universidade de Santiago de Compostela (USC) súmase á conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra cada 1 de outubro, cunha dobre iniciativa: un taller de simulación e unha xornada divulgativa. O obxectivo é xerar empatía cos retos do envellecemento e promover un enfoque cara a un envellecemento saudable, activo e participativo.
O taller interactivo 'Sé maior por un día', impulsado pola Cátedra Institucional Cruz Vermella-USC, permitirá ao estudantado experimentar de forma vivencial as dificultades cotiás asociadas ao paso dos anos. Os participantes poderán usar un traxe que simula limitacións físicas propias do envellecemento. As sesións terán lugar o 30 de setembro na Facultade de Medicina e Odontoloxía e o 1 de outubro na Facultade de Enfermaría.
Complementariamente, as cátedras institucionais Cruz Vermella e Vida Saudable da USC organizan a xornada divulgativa 'Falemos de... envellecer con saúde'. Este encontro, aberto á cidadanía, reunirá a representantes institucionais, profesionais e persoas maiores para debater sobre as oportunidades dun envellecemento activo.
A xornada comezará ás 17.00 horas do 1 de outubro no salón de actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Incluirá un acto inaugural seguido de dous coloquios. O primeiro contará con representantes de institucións e entidades dedicadas á promoción da saúde e o benestar das persoas maiores. O segundo espazo acollerá as experiencias de persoas maiores activas en programas comunitarios e de voluntariado, que compartirán as súas reflexións sobre a participación social.
A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade. É necesaria a inscrición previa enviando un correo electrónico a catedra.vidasaudable@usc.es.




