A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, comprobou hoxe as prestacións do vehículo, que reforzará o servizo de transporte a persoas dependentes usuarias do Centro de Atención diúrno específico de Alzhéimer na localidade.
Esta achega enmárcase na liña de apoio a entidades de iniciativa social para a adquisición de vehículos adaptados, dotada con 500.000 euros e que xa concedeu 12 axudas. A Xunta financiou ata o 100% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 50.000 euros por vehículo.
A liña está destinada á compra de vehículos novos adaptados para persoas con mobilidade reducida, garantindo a accesibilidade, seguridade e comodidade. Os vehículos poden empregarse para transporte escolar, asistencia a centros de día ou desprazamentos para tratamentos de rehabilitación.
Judit Fontela destacou que a iniciativa fomenta modelos de transporte máis sostibles e contribúe á mellora da calidade de vida das persoas dependentes e con discapacidade. As axudas subvencionan vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C.
Esta medida súmase a outras da Xunta para facilitar a mobilidade de persoas con necesidades especiais, como o apoio á adquisición de vehículos adaptados para o taxi (ata 10.000 euros por vehículo, 31 financiados na última convocatoria) e o transporte escolar adaptado para alumnado con discapacidade (máis de 1,9 millóns de euros para o curso 2025-2026).




