A investigación, liderada polo grupo TECNOEDUC da USC, realizouse sobre unha mostra de máis de 1.000 persoas e forma parte do proxecto DESVELA-VX, centrado na desinformación, os deepfakes sexuais e a violencia de xénero dixital. Os resultados foron presentados polas profesoras Lorena Casal-Otero e Carmen Fernández-Morante no primeiro encontro científico do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC.
Os datos revelan que o 91% dos enquisados está exposto a contido falso, manipulado ou xerado con IA. Aínda que o 82% considera graves os deepfakes sexuais e un delito, só a metade pode detectar contido xerado por IA e unha minoría (14,4%) coñece os canles de denuncia. As investigadoras sinalaron que estes contidos afectan de forma desigual, con maior incidencia no estudantado e nas persoas LGBTI, que tamén sofren máis violencia dixital.
A falta de confianza no sistema (69,7%), a vergoña ou o medo (42,4%) e o descoñecemento sobre onde acudir (30,3%) son as principais razóns polas que as vítimas non denuncian nin piden axuda.
Fronte a esta problemática, o grupo de investigación aposta pola formación en alfabetización crítica fronte á IA e á desinformación de xénero. Tamén subliñan a necesidade de visibilizar os recursos da USC, como a Oficina de Igualdade e a AEPD, e de recuperar a confianza coas vítimas mediante respostas áxiles e que non revictimicen, con especial atención ao estudantado e ás persoas LGBTI.
O proxecto DESVELA-VX busca xerar impacto científico-técnico co primeiro diagnóstico sobre desinformación de xénero e deepfakes sexuais na universidade galega; social e preventivo, achegando ferramentas abertas para combater a violencia sexual dixital; e institucional, mellorando a atención ás vítimas e os protocolos da USC.
O proxecto está financiado polas Axudas á Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Os resultados presentáronse no primeiro encontro científico do ICE, unha xornada internacional sobre os desafíos actuais da educación e o futuro da investigación educativa, con participación de especialistas de España, Portugal e Eslovenia.




