O acto contou coa presenza do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, quen destacou a dedicación de González Juanatey á asistencia, a docencia e a investigación, así como a súa contribución ao desenvolvemento da investigación cardiovascular. A distinción premia a súa traxectoria de excelencia nestes ámbitos.
O cardiólogo correspondiu á distinción cunha conferencia magistral titulada 'Vivir más de 100 años ya está aquí'. Na súa intervención, o investigador situou a Galicia ante unha das grandes transformacións do noso tempo: a posibilidade de prolongar a existencia humana sen que isto supoña necesariamente un aumento dos anos de enfermidade e dependencia.
González Juanatey quixo proxectar este recoñecemento cara ao futuro, pondo o foco nun dos grandes retos da medicina do século XXI: non só aumentar a esperanza de vida, senón tamén a esperanza de vivir con saúde. Esta reflexión sitúa a longevidade saudable no centro do debate científico e social, invitando a repensar o envellecemento desde unha perspectiva na que vivir máis e vivir mellor sexan obxectivos inseparables.




