O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, destacou a tradición panadeira de Galicia e a singularidade dos seus produtos na xornada 'Biografía do Pan Galego'. O encontro, organizado pola Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), centrouse na valorización dos cereais autóctonos e nos retos do sector.
Alemparte puxo en valor o papel das indicacións xeográficas protexidas (IXP) 'Pan Galego' e 'Pan de Cea' na protección da identidade e calidade destes produtos, así como na súa diferenciación no mercado. Incidiu na necesidade de seguir impulsando estas figuras de calidade, favorecendo a incorporación de novos operadores e reforzando o seu recoñecemento entre os consumidores.
Tamén se subliñou a importancia de combinar tradición e innovación para afrontar os desafíos dun sector que debe adaptarse á evolución dos hábitos de consumo e aos novos modelos de produción e comercialización, sen perder as características que fan singular ao pan galego.
A xornada abordou os diferentes procesos da cadea de valor do pan, desde o cultivo dos cereais ata a súa transformación e comercialización. O programa incluíu relatorios sobre variedades tradicionais, trazabilidade, caracterización das fariñas e dos pans, alimentación saudable e a importancia socioeconómica do sector.
Unha mesa de debate con representantes de panadarías, do sector e de AGACAL analizou o pasado, presente e futuro do pan galego, abordando os desafíos e oportunidades para reforzar a competitividade e a identidade dos pans tradicionais.
A programación completouse cunha visita a un muíño e unha panadaría na localidade coruñesa de Carral, onde os participantes puideron coñecer de primeira man diferentes procesos vinculados á elaboración do pan.




