A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela a xuntanza bienal de seguimento do Plan Nacional de Conservación de Recursos Xenéticos Forestais e do Plan Nacional de Mellora Xenética Forestal. O evento reúne a administracións e axentes forestais para analizar os avances, intercambiar experiencias e fortalecer a colaboración na conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.
Piñeiro destacou que ambos os plans, enmarcados na Estratexia Española para a Conservación e o Uso Sostible dos Recursos Xenético Forestais, establecen unha "folla de ruta común" para avanzar na conservación, caracterización, avaliación, mellora e utilización sostible destes bens. Subliñou que, fronte ao cambio climático e as ameazas aos ecosistemas, a conservación da diversidade xenética e a mellora dos materiais forestais de reprodución son "ferramentas esenciais" para a adaptación e resiliencia dos montes.
Así mesmo, a directora xeral resaltou a importancia da cooperación entre administracións e centros de investigación, sinalando que a conservación e mellora de recursos xenéticos forestais requiren "unha visión a longo prazo, unha planificación sostida e o compromiso de todas as administracións e axentes implicados". Mencionou a contribución do CIF de Lourizán, a Misión Biolóxica de Galicia, e grupos de investigación universitarios galegos, ademais de centros de referencia nacional como o Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR).




