O acto contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a numeraria María de la O Suárez Rodríguez, quen pronunciou a contestación ao discurso de entrada. O novo membro pronunciou o relatorio titulado 'Balnearios marítimos y baños de mar en A Coruña. 1834-1934'.
No seu discurso, González Guitián realizou un percorrido pola historia dos balnearios marítimos da cidade e pola evolución dos usos terapéuticos e sociais do mar ao longo dun século. A intervención abordou desde os primeiros establecementos vinculados aos baños de mar ata a consolidación de espazos emblemáticos de Riazor como o Balneario da Beneficencia Municipal, La Perfecta, La Salud ou La Primitiva, así como diversos proxectos que nunca chegaron a construírse.
O concelleiro Gonzalo Castro destacou o papel do Cornide como unha institución fundamental para a investigación e divulgación da historia coruñesa. "O Instituto José Cornide leva décadas a manter unha función esencial: estudar a cidade, conservar a súa memoria e compartila coa cidadanía. Porque a historia dunha cidade tamén está nos costumes, nos oficios e nos espazos que cambian de uso ou desapareceron", sinalou o edil.
Castro tamén puxo en valor a traxectoria profesional de Carlos González Guitián, a quen definiu como unha figura capaz de combinar "o rigor investigador e a vocación de servizo". González Guitián é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia pola Universidade de Valencia. Desenvolveu boa parte da súa carreira como bibliotecario e documentalista no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e como profesor asociado da Universidade da Coruña.
O responsable municipal de Cultura subliñou o valor da investigación histórica para preservar o patrimonio colectivo da cidade. "Preservar o patrimonio non consiste unicamente en coidar o que segue en pé. Significa coñecer e divulgar o que xa non podemos ver. Por iso son tan importantes os arquivos, as bibliotecas e institucións como o Instituto José Cornide", afirmou.
O acto concluíu coa entrega dos atributos que acreditan a incorporación de Carlos González Guitián como membro numerario dunha institución que constitúe unha referencia na investigación, estudo e difusión da historia e do patrimonio da Coruña.




