Formación en RCP e manobra de Heimlich salva vidas en Santiago
Profesionais sanitarios impartiron coñecementos sobre reanimación cardiopulmonar e atragosamentos a máis de 200 persoas no Día Mundial da Parada Cardíaca.
Por Xoán Otero Baamonde
••4 min de lectura
IA
Imaxe xenérica dun boneco de adestramento médico cun desfibrilador preto, nunha sala de formación moderna e luminosa.
Máis de 200 persoas aprenderon técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a manobra de Heimlich nunhas xornadas formativas organizadas polo Servizo de Medicina Intensiva da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza con motivo do Día Mundial da Parada Cardíaca.
Profesionais do Servizo de Medicina Intensiva da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza organizaron ao longo da mañá actividades formativas e informativas sobre a importancia da masaxe cardíaca e como actuar ante un atragoamento dirixidas á poboación xeral, pacientes e familiares de doentes hospitalizados. Sumáronse así á celebración do Día mundial da parada cardíaca que se conmemora hoxe. Ao longo da mañá, máis 200 interesados puideron aprender, sobre 8 bonecos simuladores, e con desfibriladores semiautomáticos, técnicas de resucitación cardiopulmonar (RCP) básica e instrumentalizada, así como a realizar a manobra de Heimlich, técnicas que axudan a salvar vidas.
A actividade, coordinada pola doutora Laura Sayagués, médico intensivista no hospital Clínico de Santiago e instructora do Plan Nacional de RCP, e polo xefe do Servizo de Medicina Intensiva da área sanitaria compostelá, Pedro Rascado, contou coa participación de 10 instructores nos diferentes postos de aprendizaxe.
A parada cardíaca constitúe un dos principais problemas de saúde pública e representa unha situación na que cada minuto conta. Segundo a Estratexia de Saúde Cardiovascular do Sistema Nacional de Saúde, en España estímase que se producen aproximadamente 30.000 paradas cardíacas extrahospitalarias ao ano, cunha supervivencia próxima ao 10%. Estes datos poñen de manifesto a necesidade de continuar avanzando na formación de profesionais sanitarios e cidadáns, xa que unha intervención rápida e adecuada pode cambiar radicalmente o prognóstico da persoa que a sofre.
Recoñecer precozmente unha parada cardíaca, alertar aos servizos de emerxencias, iniciar as compresións torácicas e utilizar un desfibrilador cando estea dispoñible son actuacións fundamentais, xa que cada minuto de atraso na atención pode reducir as probabilidades de supervivencia entre un 10 e un 12%.
“
"As novas recomendacións europeas de reanimación de 2025 insisten na importancia de fortalecer a cadea de supervivencia e promover programas de formación accesibles, continuados e adaptados aos distintos ámbitos asistenciais. O noso compromiso: formar para salvar vidas."
“
"Desde o noso Servizo de Medicina Intensiva asumimos a formación en soporte vital como unha liña estratéxica de mellora da calidade asistencial e da seguridade dos nosos pacientes. Desde que en 2023 a doutora Sayagués asume a vicecoordinación autonómica do Plan Nacional de Reanimación Cardiopulmonar (PNRCP) impulsamos unha importante actividade docente, formando 4 instrutores oficiais do PNRCP alén de realizar 20 edicións de cursos de Soporte Vital Inmediato (SVI), 1 curso de avanzada, 1 curso de instrutores de SVA, alén de múltiples actividades formativas in situ en diferentes plantas de hospitalización, cursos ACIS e formacións acreditadas periódicas intra e extrahospitalaria realizadas no CESIS (centro de simulación médica ubicado no hospital Gil Casares) que xa beneficiaron a máis de 600 profesionais."
Esta iniciativa pretende achegar os coñecementos e habilidades en reanimación cardiopulmonar á contorna habitual de traballo dos profesionais, favorecendo o recoñecemento precoz da deterioración clínica, a identificación de situacións de risco e a resposta coordinada ante unha parada cardíaca. O obxectivo a curto e medio prazo é consolidar un programa transversal de formación en soporte vital, que alcance progresivamente aos profesionais das distintas unidades e servizos hospitalarios.
“
"A atención a unha parada cardíaca non comeza cando chega o equipo especializado, senón no momento en que calquera profesional recoñece a emerxencia e inicia as primeiras actuacións."
“
"A excelencia na atención ao paciente crítico non depende unicamente da tecnoloxía ou dos recursos dispoñibles, senón tamén da preparación, coordinación e capacidade de resposta de todos os profesionais."
“
"Porque ante unha parada cardíaca cada minuto importa, cada profesional conta e cada persoa formada pode marcar a diferenza, desde o noso Servizo de Medicina Intensiva, seguiremos traballando para que a formación en soporte vital sexa cada vez máis accesible, transversal e próxima á práctica clínica diaria."