Especialistas de todo o mundo reuniranse na Universidade de Santiago de Compostela (USC) para debater sobre transparencia e bo goberno. A XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT) arrincará o luns 28 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Dereito a Saber, e prolongarase ata o martes 29 de setembro. O evento conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras entidades.
Coordinado polas universidades de Santiago de Compostela, Central de Chile e Complutense de Madrid, o congreso prevé a participación de máis de 300 persoas inscritas procedentes de 20 países, con especial representación de Chile, México, Ecuador e Portugal.
A inauguración terá lugar ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Contará coa presenza da reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a presidenta do Consello de Transparencia e Bo Goberno, Concepción Campos; a directora do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais, Rosario García Mahamut; o vicerreitor académico da Universidad Central de Chile, Emilio Oñate Vera; o director do comité organizador local, José Julio Fernández Rodríguez; o presidente do comité científico, Roberto Blanco Valdés; e o director do congreso, Manuel Sánchez de Diego.
O CIT busca reunir persoal académico, sociedade civil, profesionais da información e empregados públicos para debater sobre os retos da transparencia. Nesta edición, o foco estará na intersección entre seguridade e transparencia, no impacto da intelixencia artificial e outras tecnoloxías no dereito a saber, e nas novas normas de bo goberno. Tamén se abordarán a regulación dos lobbies, os conflitos de intereses na función pública, a ciberseguridade e a desinformación como ferramenta de guerra híbrida, prestando atención aos colectivos vulnerables. Paralelamente, celebrarase un evento na Universidad Central de Chile, que se poderá seguir por streaming.
A sociedade civil estará representada por entidades como a Fundación Democracia y Gobierno Local, Transparencia Internacional, a Fundación Hay Derecho e Access Info. Tamén intervirán membros do Consello de Contas de Galicia, incluído o conselleiro de Corporacións Locais, e o director de prevención da Oficina Antifraude de Cataluña.
A consolidación académica do congreso maniféstase na presentación de publicacións. O 28 de setembro, presentarase o novo número da Revista Española de la Transparencia, dirixida por Javier Sierra, e os libros Basado en hechos reales. 28 relatos sobre resoluciones creativas de derecho de acceso a la información pública e o Anuario Local de la Fundación Democracia y Gobierno Local.
Como evento previo, o domingo 27 de setembro ás 19:00 horas, a reitora da USC ofrecerá unha recepción oficial aos congresistas e autoridades convidadas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Participarán tamén as alcaldesas de Santiago de Compostela e Teo, e os profesores da USC José Julio Fernández Rodríguez e Anxo Varela Hernández.
Colaboran tamén o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), o Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público (OIRESP), o Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, a Cátedra de Goberno Aberto da Universidad de Castilla-La Mancha, a Fundación Manuel Giménez Abad, o Colexio de Avogados de Madrid, o Centro de Estudos de Partidos Políticos da UNED, o Centro de Estudios Políticos e Constitucionais e a Plataforma en Defensa da Liberdade da Información (PDLI).




