O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, subliñou hoxe o "esforzo e implicación" de entidades e persoas na preservación dos valores do Camiño de Santiago, mesmo fóra das fronteiras de Galicia. Miramontes fixo estas declaracións durante a entrega dos XXVI Premios Elías Valiña, celebrada en Santiago de Compostela.
Na presente edición, o galardón principal recaeu na Confraternidade Saint James de Croacia, recoñecida polo seu papel precursor na revitalización das rutas de peregrinación medievais desde Croacia a Santiago, sinalizando xa máis de 2.387 quilómetros. Ademais, recibiu unha mención especial a lituana Laima Liucija Andrikienè, fundadora do Camiño de Santiago en Lituania, cuxo labor foi decisivo, especialmente dende o seu posto como eurodeputada no Parlamento Europeo.
Estes premios, impulsados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, están dotados con 15.000€ e buscan distinguir o labor de protección e difusión das Rutas Xacobeas por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro. O galardón leva o nome de Elías Valiña Sampedro, párroco do Cebreiro e figura clave na recuperación do roteiro xacobeo, impulsor das emblemáticas frechas amarelas.




