A decisión foi tomada en sesión extraordinaria cun resultado favorable de 131 votos a favor, 8 en contra e 11 brancos, superando amplamente o limiar do 20% do Claustro necesario para iniciar o proceso. A todos os membros remitíuselles o borrador elaborado pola anterior Comisión para que a nova decida se o emprega como punto de partida ou se comeza de novo.
A reitora, Rosa Crujeiras, explicou que se trata de "continuar co necesario debate que precisa a reforma" e que as comisións do Claustro pendentes de constitución xa quedan formadas. Engadiu que, en cumprimento da Lei orgánica do Sistema Universitario (LOSU), as universidades debían ter aprobados novos Estatutos a finais de marzo pasado, polo que "cómpre agora activalo a través deste novo Claustro e da súa Comisión de Desenvolvemento Estatutario".
Durante o debate posterior, os asistentes coincidiron en solicitar unha reflexión "sosegada" e "con tempo" para abordar cuestións de calado para a Universidade de Santiago, como a súa nova estrutura funcional e administrativa.
A reitora agradeceu o traballo realizado pola anterior Comisión de Desenvolvemento Estatutario, "especialmente aquelas que participaron na ponencia e cunha consideración destacada ás que asumiron o liderado dos traballos e nomeadamente ao Profesor Xerardo García Mera".




