O consorcio FLASH-CARE, liderado pola USC, atópase entre os 80 proxectos seleccionados pola Fundación "la Caixa" para recibir financiamento pola súa capacidade de xerar un impacto positivo na saúde. Este proxecto busca mellorar a verificación e o control de calidade na radioterapia FLASH, unha nova modalidade de tratamento contra o cancro que administra doses de radiación máis altas para reducir o tempo de tratamento e os efectos secundarios.
O obxectivo de FLASH-CARE é desenvolver un sistema integral de garantía de calidade que apoie a implementación segura e eficaz da radioterapia FLASH en contornas clínicas. "Unha monitorización fiable é esencial para identificar erros, apoiar a confianza clínica e contribuír á seguridade dos pacientes", sinalan desde o consorcio. O proxecto, que tamén conta coa participación do Centro Nacional de Microelectrónica (CNM-CSIC) de Barcelona e o Instituto Curie de París, recibe 149.967 euros a través da convocatoria CaixaImpulse de Innovación en Saúde 2026.
Ademais, a catedrática da USC e investigadora do CiMUS, María José Alonso, forma parte doutro proxecto financiado pola Fundación "la Caixa", centrado no desenvolvemento de novos sistemas de administración de fármacos capaces de atravesar as barreiras protectoras do cerebro. Este proxecto, que se centrará inicialmente na enfermidade de Lafora, busca deseñar vehículos transportadores diminutos para entregar cargas terapéuticas de forma segura e eficiente.
Liderado por Cristina Fornaguera da Universitat Ramon Llull, o proxecto conta coa participación de Jordi Duran da Fundació Institut de Bioenginyeria de Catalunya e Katherine Donohue do Chelsea’s Hope Lafora Children Research Fund. Recibirá 998.898,20 euros e podería contribuír ao desenvolvemento dun tratamento para a enfermidade de Lafora e outras afeccións neurolóxicas.




