O CiMUS colabora na curtametraxe AMORE sobre idade e fertilidade
A peza audiovisual, producida pola Universidade de Zaragoza, busca achegar información científica rigorosa sobre a relación entre a idade e a fertilidade feminina.
Por Xoán Otero Baamonde
••3 min de lectura
Santi Alvite
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) colabora na curtametraxe AMORE, unha produción da Universidade de Zaragoza que busca achegar á poboación información científica rigorosa sobre a relación entre a idade e a fertilidade feminina.
En España, a idade media para ter o primeiro fillo superou os 31 anos, cunha taxa de fecundidade dun fillo por muller. Esta realidade social complexa, influenciada por factores educativos, laborais e económicos, enfróntase ao límite biolóxico da fertilidade feminina, que diminúe coa idade. A probabilidade de embarazo natural redúcese significativamente a partir dos 30 anos, sendo máis marcada despois dos 35, cando tamén aumenta o risco de alteracións cromosómicas e de perda xestacional.
AMORE (Aportando Miradas sobre Ovocitos, Reproducción y Edad) nace con este punto de partida. A curtametraxe combina evidencia científica e danza contemporánea, e conta coa participación da investigadora principal do CiMUS, Diana Guallar, para afondar nos mecanismos do envellecemento reprodutivo. A presentación será o luns 26 de outubro de 2026 ás 18:00 horas na Theatre Room do Centro Singular.
A iniciativa conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a colaboración da Sociedade Española de Fertilidade e Quirónsalud. O traballo do grupo Epitranscriptómica e envellecemento do CiMUS é clave para comprender os procesos moleculares e celulares do envellecemento reprodutivo e a súa divulgación á sociedade.
“
"Comprender como envellecen as células e que cambios moleculares se producen ao longo do tempo é fundamental para avanzar no coñecemento do envellecemento reprodutivo. A investigación básica permítenos estudar os mecanismos biolóxicos que están detrás destes procesos e xerar coñecemento que poida trasladarse á sociedade dunha maneira rigorosa e comprensible. Iniciativas como AMORE ofrécennos a oportunidade de achegar esa investigación á cidadanía e, especialmente, ás xeracións máis novas, para que poidan comprender mellor a relación entre idade e fertilidade."
“
"AMORE busca achegar especialmente á poboación nova información científica rigorosa sobre o que ocorre nos óvulos co paso do tempo e como eses cambios poden influír na fertilidade, no desenvolvemento embrionario e nas posibilidades de embarazo. Pero AMORE non conta a ciencia só con palabra"
A curtametraxe tamén reúne a expertos como Deborah Bourc'his (Institut Curie de París), Rita Vassena (Sociedade Española de Fertilidade), os profesores Ignacio de Blas e Pedro Muniesa (Universidade de Zaragoza), e os embriólogos Antonio Urriés (Quirónsalud Zaragoza) e Patricia Fauque (Institut Cochin de París). A dirección corre a cargo do realizador Antonio Valdovín, coa participación dos creadores Álvaro Sancho e os bailaríns Carlos Campo, Ariadna Allusa, Pablo Pérez, Laura López e Ingrid Magrinyà.