A iniciativa busca recoñecer traballos académicos realizados en Galicia que contribúan á análise, comprensión e reflexión sobre a actividade turística, os seus retos e transformacións. Nesta primeira edición, premiáronse traballos dos cursos académicos 2023-24 e 2024-25.
No curso 2023-24, Miguel Peña Ávila gañou o premio ao mellor TFG por ‘O potencial do oleoturismo en Galicia’ (Universidade de Vigo). Un accésit foi para Iago Barreiro Río e Santiago Pérez Acuña polo traballo ‘Desarrollo y validación de una herramienta para la evaluación de la rentabilidad social en proyectos turísticos: Aplicación al destino ‘Ourense Termal’’, tamén da Universidade de Vigo.
Para o curso 2024-25, o mellor TFG foi para Laura Prego Rodríguez por ‘Oportunidades de Turismo Azul en Arteixo: Patrimonio Marítimo, Surf y Sostenibilidad’ (Universidade da Coruña). O mellor TFM recaeu en Cristina Huertas Gómez polo seu traballo ‘Proposta dun chatbot para divulgar o patrimonio documental do Códice Calixtino a través da IA’ (USC).
O xurado estivo composto por representantes do CETUR, Turismo de Galicia, o Concello de Lugo e departamentos da USC, buscando fomentar a investigación turística e o diálogo entre a universidade e os axentes do sector.
O CETUR e o IDEGA confirmaron que abrirán proximamente unha nova convocatoria destes premios, dirixidos a traballos desenvolvidos nas universidades galegas para promover o talento investigador e a reflexión sobre o futuro do turismo en Galicia.




