Estes cambios no Goberno galego prodúcense tras o cese a petición propia de Fabiola García Martínez como titular da Consellería de Política Social e Igualdade. A toma de posesión de ambos os nomeados celebrarase mañá, martes 27 de outubro, ás 9,00 horas no Pazo de Raxoi.
Ángeles Vázquez Mejuto (Melide, 1972) é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi alcaldesa de Melide entre 2004 e 2007 e de novo entre 2011 e 2015. Ademais, foi concelleira nese municipio, deputada provincial na Coruña e membro do Congreso dos Deputados. Incorporouse á Xunta en outubro de 2015 como conselleira do Medio Rural, pasando a ser conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en setembro de 2018, e desde abril de 2024, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Pola súa banda, Nicolás Vázquez Iglesias (Lugo, 1974) é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e en Enxeñería Industrial pola UNED. No sector privado, traballou como consultor en sistemas de información. Entre 2001 e 2015 desempeñou diversas funcións no Instituto Enerxético de Galicia. Desde 2015 é funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros industriais. Desempeñou responsabilidades como vicesecretario xeral na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e foi secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural. En xuño de 2023 foi nomeado secretario xeral de Industria e en maio de 2024 asumiu competencias en Desenvolvemento Enerxético.




