A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, presentou a publicación Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925). Este epistolario recupera a voz de Alejandra Murguía, filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, e achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira especial, sobre a vida e a obra de Rosalía. O libro, editado pola profesora e investigadora Dolores Vilavedra e cun prólogo de Xesús Alonso Montero, é o primeiro título da nova Biblioteca da Cátedra Rosalía de Castro.
A publicación presentouse este venres 16 de outubro na biblioteca do Instituto da Lingua Galega. No acto participaron Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Elisa Fernández Rei, directora do Instituto da Lingua Galega; María Coutinho Villanueva, subdirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia; Fernando Cabo Aseguinolaza, codirector da Cátedra Rosalía de Castro; Julio García Comesaña, deputado e Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia; e Dolores Vilavedra Fernández, catedrática de Filoloxía Galega da USC, presidenta do Consello da Cultura Galega e editora do volume.
Para Vilavedra, a edición destas cartas significa "dar voz a unha muller como Alejandra, que ficou completamente ensombrecida polas figuras dos seus pais". A responsable da edición reivindica o interese dunha creadora que quedou "practicamente invisibilizada pola historia". O epistolario tamén permite reconstruír a amizade entre Alejandra Murguía e Ángela Santamarina, mulleres separadas por unha notable distancia económica e social.
Alejandra Martínez-Murguía de Castro (Santiago de Compostela, 1859) foi debuxante, pintora e ilustradora. Colaborou na prensa ilustrada do seu tempo, como La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida polo seu pai, Manuel Murguía. Tamén participou na construción gráfica dos símbolos do galeguismo, sendo autora do deseño do estandarte encargado en 1891 polo Centro Galego da Habana. A súa traxectoria estivo marcada por renuncias, asumindo o coidado do seu pai e irmáns tras a morte de Rosalía en 1885, e rexeitando un posto no Museo do Prado por non contar coa aprobación paterna. Morreu na Coruña en 1937.
A destinataria das cartas, Ángela Santamarina Alduncín (Tandil, Arxentina, 1863), foi marquesa da Atalaya Bermeja e condesa do Valle de Oselle, ademais de filántropa. En 1925 constituíu a Fundación Santamarina de Temes. A relación entre Alejandra e Ángela, mulleres con inquedanzas comúns pero separadas por un abismo social, constitúe unha das historias máis singulares do volume.
Aínda que a correspondencia comeza décadas despois da morte de Rosalía de Castro, as cartas proporcionan información biográfica de gran valor. Vilavedra destaca que Alejandra fala de "cinco abortos" da súa nai, o que invita a repensar aspectos da relación entre Rosalía e Manuel Murguía e a súa obra. As cartas tamén ofrecen información sobre Rosalía como escritora profesional e a xestión dos seus dereitos de autora polas súas fillas.
A correspondencia achega tamén novas perspectivas sobre Manuel Murguía, presentándoo como un pai "absorbente e tiránico", pero tamén admirado e querido polas súas fillas. O epistolario constata a precariedade extrema das últimas décadas da súa vida e os avatares sufridos pola súa biblioteca tras o seu falecemento. O prólogo de Xesús Alonso Montero chama a atención sobre a necesidade de facilitar o acceso á biblioteca de Antonio Rey Soto e poñer en valor o patrimonio documental da Fundación Santamarina de Temes.




