A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu á presentación da edición comercial deste xogo, publicado pola editorial McGraw-Hill. O acto tivo lugar no Pazo de Fonseca, coincidindo coa Noite dos Investigadores, e contou coa presenza da reitora da USC, Rosa María Crujeiras.
Villaverde felicitou aos equipos de CRETUS e de Ciencias da Educación da USC por achegar a ciencia da sustentabilidade aos máis novos. Destacou que a ferramenta promove hábitos de vida saudables baseados na redución da pegada ambiental.
A titular de Mar aproveitou a súa intervención para reivindicar a forza da dieta atlántica e as accións que a Xunta desenvolve para achegar os produtos pesqueiros ás aulas. "Queremos que as novas xeracións descubran o tesouro azul que temos nos produtos do noso mar, preservando a nosa identidade mariñeira e promovendo unha alimentación baseada en proteínas de altísimo valor nutricional", remarcou Villaverde.
A conselleira puxo en valor iniciativas autonómicas como a estratexia Movemento Azul, o programa Xeración Peixe ou o apoio a campañas nos comedores escolares como Mexillón de Galicia nas Aulas. Subliñou a colaboración continua coa universidade, onde o seu departamento leva mobilizados máis de 1,5 millóns de euros desde 2024 en proxectos de investigación aplicada e mellora do medio mariño.




