A Xunta entrega premios ao concurso do 25N contra a violencia de xénero

Os traballos premiados, de escolares de toda Galicia, poñen o foco na violencia no ámbito dixital.

A Xunta entrega premios ao concurso do 25N contra a violencia de xénero

Secretaría Xeral da Igualdade (Xunta de Galicia) · 2026-11-24

A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na entrega de premios do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais sobre o 25N organizado pola Xunta, onde animou aos escolares premiados a seguir concienciando contra a violencia de xénero.

A conselleira destacou a capacidade dos participantes para invitar á reflexión sobre a violencia de xénero, incidindo na prevención, detección e intervención. Neste marco, resaltou a visibilización das manifestacións de violencia contra as mulleres no ámbito dixital, tema central da campaña do 25N da Xunta este ano. Ángeles Vázquez lembrou que «non hai violencia invisible, mesmo aínda que se oculte tras unha pantalla».
O xurado, formado por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, valorou a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia contra as mulleres, primando a calidade técnica, orixinalidade e creatividade.
Na modalidade de imaxe gráfica, na primeira categoría (5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de ESO e Educación Especial), o primeiro premio foi para un grupo de alumnos de 2º de ESO do IES de Cacheiras (Teo), o segundo para un equipo de 6º de Primaria do CEIP A Maía (Ames) e un accésit para estudantes de 1º de ESO do IES Carlos Casares de Vigo. Na segunda categoría (3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP básica), o primeiro premio foi para alumnos de 4º de ESO do IES de Melide, o segundo para estudantes de FP de Farmacia e Parafarmacia do IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela) e un accésit para alumnos de 1º de Bacharelato do IES de Sar (Santiago de Compostela). Na terceira categoría (Artes Plásticas e Deseño), a gañadora foi unha alumna da EASD Pablo Picasso (A Coruña).
Na modalidade de pezas audiovisuais, na primeira categoría o primeiro premio foi para un equipo de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurinlingüe de Lagostelle (Guitiriz) e o segundo para un grupo de Educación Especial do CEE Pontevedra. Na segunda categoría, o primeiro premio recaeu nun grupo de estudantes do Grado Superior de Administración e Finanzas do IES García Barbón (Verín) e o segundo nun equipo de 3º e 4º de ESO do IES Agra do Orzán (A Coruña).
Os premios consistiron nun cheque regalo para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico, valorado en 100€ para o primeiro posto e 50€ para o segundo, así como un lote de libros para o centro educativo.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Secretaría Xeral da Igualdade (24/11/2026)