A nova decana, Romina García Chas, anunciou que o seu obxectivo é "aproveitar a experiencia e o traballo desenvolvido nos últimos anos para seguir avanzando nunha Facultade centrada nas persoas". Destacou que o estudantado, o PDI e o PTXAS deben ter un papel activo na vida académica.
Entre as súas prioridades figuran a mellora da calidade da docencia e da oferta formativa, así como o apoio ao desenvolvemento académico e profesional do profesorado. Tamén busca o acompañamento e a participación do estudantado, e o recoñecemento do papel do persoal de administración e servizos (PTXAS).
Outro dos eixos fundamentais será fortalecer e dar visibilidade á investigación, facilitando a transferencia de coñecemento e promovendo unha maior conexión coa contorna. Para iso, preténdese estreitar os vínculos co tecido empresarial e institucional, ampliar as oportunidades de prácticas e consolidar a relación coas persoas egresadas.
“"Apostarei por unha Facultade máis aberta, eficiente e participativa, mediante a mellora das infraestruturas e dos servizos, a dixitalización e simplificación da xestión e o reforzo da comunicación interna e externa."
García Chas é licenciada en Administración e Dirección de Empresas (2006) e en Economía (2007), e doutora pola USC (2012). Dende 2008 desenvolve a súa actividade docente na facultade e, dende 2017, é profesora contratada doutora no departamento de Organización de Empresas e Comercialización. Durante os últimos oito anos foi vicedecana de Calidade e Innovación Docente.




