A apertura institucional da xornada estará a cargo de Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia da USC, ás 11.00 horas. Posteriormente, José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, explicará as bases, os requisitos e os apoios que prestará a aceleradora.
A convocatoria está dirixida a proxectos emprendedores e start-ups en fases iniciais que desenvolvan produtos, servizos ou tecnoloxías innovadoras con aplicación no ámbito sanitario. A participación no programa será gratuíta para os proxectos seleccionados, que recibirán acompañamento especializado e poderán acceder a oportunidades para validar as súas solucións en contornas reais, establecer colaboracións con entidades sanitarias e de investigación e identificar vías de financiamento público e privado.
Tras a presentación, a AVTE impartirá un taller práctico sobre a preparación das candidaturas e o proceso de selección. A empresa Craftium abordará como combinar o apoio da aceleradora con outros instrumentos de financiamento para proxectos baseados no coñecemento. Ás 13.00 horas, o CDTI intervirá en liña para presentar as oportunidades que ofrece o Consello Europeo de Innovación (EIC) de Horizonte Europa ás empresas do sector sanitario.
A xornada rematará ás 13.30 h cun espazo de encontro entre profesionais do ámbito clínico, da investigación e do emprendemento. A aceleradora é unha das actuacións de New Health – Plataforma Transfronteiriza de Innovación e Servizos Avanzados en Saúde, un proxecto liderado pola Fundación Pública Galega de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027.




