Segundo informou a USC, a obra parte da pregunta «e se soamos igual?», funcionando como «hipótese poética e dispositivo de escoita», segundo explica a profesora Miriam Cortés. A instalación despraza a atención sobre os procesos migratorios, explorando o común no ritual do cotián en lugar de centrarse na diferenza como fronteira.
O material sonoro xorde da pregunta «que é e como soa o meu fogar?». Cada membro do colectivo gravou sons que lle remiten á súa casa, incluíndo rutinas, obxectos, voces, ambientes e silencios. Tras sesións de escoita compartida e experimentación, o grupo construíu unha única paisaxe sonora común onde as singularidades conviven sen borrarse.
“"A interrogación funciona como hipótese poética e como dispositivo de escoita"
A obra non se contempla desde fóra. Durante a reprodución da paisaxe sonora, o público é convidado a reflexionar e a plasmar por escrito as ideas, recordos e asociacións que lle xorden sobre un gran soporte de papel disposto no chan. As palabras acumúlanse e superpóñense ata formar unha cartografía colectiva onde as voces individuais dialogan e os límites de autoría se desdebuxan.
A acción desenvolverase o 27 de novembro, ás 17.00 horas, na Aula 4 do Culturgal. Integran a iniciativa Agustina Sánchez Rodríguez, Aurea Penas Roibas, Carmen Sánchez Augsburger, Clara Fernández Fasce, Gabriela Tejada Lorenzo, Mara Neira Doural, María Varela Grandío, Mariel Sesar Labombarda, Rodolfo Pinzón Rojas e Sara Hermo Alonso.




