A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega impulsarán o coñecemento da xeografía, a paisaxe, a literatura e o patrimonio galego mediante un novo proxecto dixital educativo. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade cultural, Dolores Vilavedra, asinaron hoxe en Santiago de Compostela un convenio de colaboración para desenvolver esta iniciativa.
Esta ferramenta web interactiva, que se prevé poñer en marcha o próximo curso, está dirixida principalmente a alumnos e docentes dos centros educativos da Comunidade, co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino. Tamén se busca promover a divulgación da riqueza cultural e patrimonial de Galicia e explorar novos formatos dixitais baseados na aprendizaxe lúdica e na interpretación da paisaxe.
O recurso permitirá aos usuarios identificar diferentes espazos de Galicia a través da obra de Ramón Otero Pedrayo e das súas descricións da paisaxe, así como mediante outras referencias culturais. Esta acción enmárcase no Ano Oteriano e contempla a posibilidade de incorporar futuros autores e enfoques culturais galegos.
O Consello da Cultura Galega será o encargado do desenvolvemento dos contidos literarios, culturais e territoriais. Pola súa banda, a Consellería de Educación, a través do Centro de Innovación Educativa e Dixital, colaborará no deseño educativo, metodolóxico e funcional da ferramenta, avaliando a súa idoneidade como recurso para os centros de ensino.




