O Servizo Galego de Saúde (Sergas) participou na conferencia anual do European Forum for Primary Care, celebrada na cidade de Stuttgart, Alemaña. Alí, presentouse o modelo galego de seguimento domiciliario de pacientes crónicos, denominado Telea, nun encontro que reuniu a representantes de diferentes países europeos para compartir coñecemento e experiencias sobre a transformación da atención primaria.
Destacouse que TELEA non é só unha plataforma tecnolóxica, senón un modelo asistencial que permite realizar un seguimento proactivo e continuado dos pacientes dende o seu domicilio. O sistema intégrase na historia clínica electrónica e baséase en protocolos asistenciais, xeración de alertas, definición de responsabilidades dos profesionais e a participación activa dos pacientes e das persoas coidadoras.
A participación galega enmárcase no proxecto europeo CIRCE-JA (Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care), onde o Sergas e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) son propietarios dunha das seis boas prácticas seleccionadas para a súa transferencia a outros sistemas sanitarios europeos: o sistema galego de telemonitorización domiciliaria TELEA. Este proxecto, financiado polo programa EU4Health, busca fortalecer os sistemas sanitarios mediante a transferencia e implementación de boas prácticas baseadas na evidencia en 40 centros de 12 estados membros.
Durante a conferencia, celebrouse un obradoiro dedicado a analizar o proceso de transferencia e implementación das boas prácticas de CIRCE-JA. Representantes dos propietarios e das rexións implementadoras compartiron as súas experiencias de adaptación aos respectivos sistemas sanitarios, abordando dificultades, solucións e aprendizaxes transferibles.
No caso da práctica galega, Pablo Cófreces, do Servizo Galego de Saúde, xunto con Sofi Nordmark, da rexión de Norrbotten (Suecia), presentaron a experiencia de transferencia do sistema TELEA. Esta experiencia céntrase na incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á atención primaria para facilitar o seguimento a distancia de pacientes e favorecer modelos de atención máis accesibles e centrados nas persoas. Norrbotten é unha das rexións que está a incorporar esta práctica, xunto con outras de Italia.
A presenza de Galicia neste foro europeo visibiliza a experiencia do sistema sanitario galego no desenvolvemento e transferencia de solucións innovadoras en atención primaria, reforzando o intercambio de coñecemento e impulsando sistemas de saúde máis accesibles e sostibles.




