A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro en Santiago de Compostela con representantes da asociación sen ánimo de lucro Circularis co obxectivo de avaliar posibles vías de colaboración entre a Xunta e a entidade na xestión de residuos.
Durante a xuntanza, a delegación de Circularis, composta polo seu presidente, Ricardo López de Haro; o director xeral, David Redoli; a vocal, Pilar Tur; e o CEO de Valoriza, José María Pena, expuxo á conselleira a súa finalidade de mellorar o posicionamento e a interlocución do sector de residuos municipais en España.
Esta asociación xurdiu da alianza entre FCC, Urbaser, PreZero e Valoriza co propósito de promover a mellora e o desenvolvemento adecuado do tratamento de residuos, nun momento crucial para cumprir os obxectivos de prevención, reutilización, reciclado e valorización de refugallos.
Neste contexto, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos na mellora da xestión dos seus residuos, co fin de avanzar no cumprimento da normativa estatal e europea. Recentemente, publicouse a resolución de axudas neste senso, cun investimento de 5,1 millóns de euros para financiar 170 actuacións en 83 administracións locais.
Ademais, desde 2018, a Xunta destinou preto de 40 millóns de euros a centos de iniciativas municipais orientadas a optimizar a xestión de residuos, modernizar a rede de puntos limpos, promover a compostaxe, fomentar a reutilización e reforzar a recollida separada, en consonancia coa normativa europea.




