Na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, Rosón subliñou que a continuidade do acceso e a estabilidade das condicións son cruciais para a planificación das empresas e a preservación do emprego no sector.
O director xeral lamentou a falta dun pronunciamento específico do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre esta situación no último Grupo de Traballo comunitario. Considerou fundamental que a posición española sobre a permanencia da frota nos caladoiros mauritanos estea presente nestes debates.
Rosón advertiu que, sen un marco legal vixente para o 14 de novembro, os buques comunitarios terían que abandonar as augas mauritanas. Segundo estimacións do sector, esta situación podería pór en risco ata 3.000 empregos directos e indirectos, afectando tamén á comercialización, transporte, servizos portuarios e industria transformadora.
A prórroga, segundo o director xeral, permitiría manter a actividade e dar estabilidade ás negociacións dun novo protocolo. "A cuestión central non é unicamente se o acordo se renovará, senón en que condicións, con que posibilidades reais de acceso aos caladoiros e con que garantías para a continuidade da actividade empresarial e do emprego", sinalou.
Ademais, reclamou ao Goberno central que impulse unha solución ante as institucións comunitarias antes do vencemento, xa que a incerteza actual condiciona a planificación das mareas, a contratación de tripulacións, os aprovisionamentos e os compromisos comerciais das empresas armadoras.
Finalmente, Rosón defendeu que as condicións de acceso, as posibilidades de pesca e as medidas técnicas deben ser coñecidas con antelación e basearse en criterios transparentes e información científica, asegurando que a continuidade da frota comunitaria é compatible coa conservación dos recursos e o desenvolvemento sostible da pesca mauritana.




