O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a resolución da convocatoria de 2026, que permitirá financiar 87 postos en entidades locais e 163 en entidades sen ánimo de lucro. O obxectivo é reforzar a atención ás persoas desempregadas e mellorar as súas oportunidades de inserción no mercado de traballo.
Esta rede de orientadores, que o ano pasado atendeu a máis de 93.000 persoas, complementa o labor das 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Busca achegar un servizo máis próximo ao territorio e ás persoas con maiores dificultades de inserción laboral, garantindo unha mellor equidade territorial.
Os profesionais contratados realizarán diagnósticos individualizados, definirán itinerarios personalizados de inserción e ofrecerán asesoramento técnico. Ademais, colaboran no desenvolvemento do perfilado competencial a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, coa que xa se teñen perfilado máis de 115.000 persoas.
Os contratos terán unha duración de 12 meses e cada técnico recibirá 33.000 euros para custos salariais e Seguridade Social, ademais de módulos adicionais para gastos de funcionamento, formación e apoio técnico.
Esta actuación enmárcase no proceso de modernización do SPEG, que inclúe a renovación das oficinas, a implantación de caixeiros autoservizo e novas funcionalidades de autoxestión na Oficina Virtual da Persoa Demandante de Emprego. Tamén se impulsan encontros entre empresas e demandantes de emprego para mellorar o axuste entre oferta e demanda laboral.




